Laboratorio Invisibel

cara unha psicocartografía do rural

Posted on: Setembro 12, 2011

texto de Paco Inclán para súa residéncia en Alg-a Lab

Revalorizar obxectos persoais -biográficos, memorísticos, familiares- dos veciños e veciñas da parróquia de Valladares foi a interface para me adentrar na memória psicoxeográfica da parróquia. O principal valor expositivo dos obxectos que eiqui se amosan está no inseparábel fío condutor que os vencella ás persoas que os emprestaron para esta mostra. Os obxectos -subxectivizados pola história que transmiten- son un apéndice dos suxeitos, un xeito de me achegar -digamos superficialmente- á idiosincrásia do lugar através das súas xentes.

Son obxectos resgatados de fondos de alpendres, sotos, salóns e armários, algúns deles mil veces a piques de ser tirados ao lixo (e outros resgatados del), que agora recobran importáncia nesta exposición que pretende ser un relato, xurdido dun imaxinario de triplo vínculo: entre o veciño e mailo obxecto (biográfico, memorístico), entre o obxecto e mais eu (que sinalan o meu percorrido aqui nun mapa de obxectos subxectivizados) e entre o veciño/a e mais eu (os diálogos, as vivencias compartilladas, a ditosa estética relacional). Tería narrado a memória de cada obxecto -de feito fíxeno-, porén fíxoseme absurdo porque aqui, hoxe, afortunadamente, están as persoas que transmitirán mellor ca min a história que gardan. Ao fin e ao cabo, esta exposición é unha prolongación do proceso (mais vital ca artístico) de corenta días na parróquia: buscar unha estética nas relacións humanas, escoitar, paseala sen rumo definido para provocar o encontro fortuíto, o acontecemento inesperado. En definitiva, tentar captar os condicionantes xeográficos que interpelan a psicoloxía colectiva de Valladares, na periféria dunha cidade naval e fabril onde aínda persiste un pouso rural marcado por lazos comunitários que, malia os obstáculos (que son retos), fan fronte á atomización das relacións sociais. Agardo que a miña curta estadia poida contribuír a reflectir estes vencellos. Ainda que non será doado rexistrar a paixón das mans -convertidas en caladas confidentes-, a fala das pedras e o respirar dos camiños.

Agradezo de corazón todo o apoio emprestado. O proceso artístico inserido na vida cotiá -convertida en escenário de situacións- é buscar en min o mellor dos outros. Celebro o afortunado encontro coas persoas que fun atopándome en tan desorientado transitar e que, ainda descoñecendo o meu labor, foron axudándome en todo momento. Se non me expliquei mellor é porque o desconcerto e a confusión formaban parte do tinglado: ler entre liñas, escoitar os siléncios, recrearme no inmaterial e intranscendente, imaxinar o que queda fóra do espazo recoñecíbel pola mirada. Levo un anaco de min -formado por unha colección de lembranzas- e deixo aqui outro. É isto arte? Iso, sinceramente, é o de menos.

Advertisements

1 Response to "cara unha psicocartografía do rural"

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: