Laboratorio Invisibel

ESQUIZOANÁLISE LAB

Posted on: Agosto 17, 2010

Se ben JUNG estudiou o inconsciente alén de Freud, non como formas de culpabilidade, nin enfermidade, etc. Senón como inconsciente colectivo e incluso, en grande medida productivo, manifestado en soños, mitos, relixións, etc. Non desatou verdadeiramente a potencia deste inconsciente e non terminou de soltalo das garras racionalizadoras do consciente sometendo igualmente o par (consciente/inconsciente) a un dos extremos, estructurando e coartando por tanto a capacidade productiva do desexo, limitándoa as manifestacións habidas como simboloxía, linguaxe xa dada, etc.Se quixeramos facer unha esquizoanálise do imaxinario occidental, das súas linguaxes e mitos, dos seus soños e desexos… poderiamos facelo, como fixo Jung, da nosa maxia e da nosa alquimia, da tradición esotérica e do tarot… mais como sería ese esquizoanálise e en que se diferenciaría da proposta de Jung?

Primeiramente, non cabería facer unha análise estructural-racionalista. Esta análise non nos serve para ABRIR e articular o inconsciente expansivamente, senón que o coarta e abigarra nas manifestacións xa dadas, estudándoas como necesarias e representativas de modelos arquetípicos, segundo a propia metodoloxía das ciencias naturais occidentais; que invaden, irrumpen e arranxan, a potencialidade creativa e productiva do inconsciente dende o consciente e racionalizador, coaptando o seu territorio, sobrecodificando os seus fluxos e os seus signos en modelo, representación e linguaxe. Mentres que inconsciente “non quere decir nada…” (AntiEdipo).

Como sería un LABORATORIO ESQUIZOANALÍTICO? Como manexaría as imaxes e traballaría co inconsciente? Dende logo, ao pensar o inconsciente como productivo fai falla un espazo de producción para estudiar o seu fenómeno e dar coas súas claves. Este espacio de produción aseméllase máis a un teatro, a unha escena ou PANTALLA, que a unha categorización, enciclopedia, saber racionalista e arquetípico sobre o mesmo.

Mais non calquera teatro. Non o teatro clásico e representativo que xa empregaba Freud para explicar o desexo. Non un teatro do Mesmo no que tódolos desexos representan no fondo unha mesma escena: Edipo matando ao pai, desexando á nai… senón pola contra un teatro contemporáneo, da non-representación, do corpo sen órganos, da alta definición, da imaxe-tempo, do xestos, da crueldade. Como sería este teatro? O que si que é certo no panorama contemporáneo é que non faltan en Artes Escénicas quen reivindique por aí a Deleuze, que si Foucault, que si o ver e o mirar, que si o PANÓPTICO, Artaud… cales son os vínculos e as posibilidades desta relación escena contemporánea – pensamento?

Outra cousa queda clara: se algo reivindicou Artaud foi a capacidade do cinema para conectar co pensamento e activalo, alén do consciente e da súa mecánica cotiá, deixalo absorto ante a súa incapacidade cotiá. Do mesmo modo o recolle en moi grande medida GODARD, nas súas Histoire(s) du cinema. Valerían entón estas referencias para conformar a CLÍNICA ESQUIZOANALÍTICA versada en teatro contemporáneo da non-representación, etc.? Pois se non valen, polo menos quedan moi preto, e incluso habería que sumar á tentativa, á proposta, o espazo do MEDIA-LAB, como Laboratorio dos Media, que xoga tamén entre a escena, a tecnoloxía, o software, a teoría un papel clave.

Proximamente, durante FEIRA IMAXINARIA poremos en acción un achegamento a este Laboratorio do Inconsciente en clave esquizoanalítica, ou ben digamos que de Filosofía-Teatro. A nosa disposición está: un módulo branco duns 6×6 aprox. sito no alg-a Lab de Valadares, diversa tecnoloxía dixital asociada ao evento (sobre todo a cargo de Olho Livre e Generatech), así como unha serie de artistas e investigador@s dispostos a traballar no tema. Por certo, segue aberta a invitación a colaborar. O propósito é que mediante a escena, as imaxes, a retransmisión das mesmas, etc. desenvolver un laboratorio esquizoanalítico do noso imaxinario (ou pola contra, facelo noso, por fin…). Un laboratorio no que o imaxinario se poña a proba; e incluso, se cree e se recree. Un espazo productivo pero tamén analítico; como se pode dar isto? Coido que este é no fondo o gran escollo: en que medida a produción, a creación está rifada coa análise e a coarta.

Mais vexamos; en vez de empregar o imaxinario para extraer del un material, empregaremos ese imaxinario, esa tradición, para aportar un material, como matriz productiva de creación e análise. Así por exemplo, comezaremos a traballar coas cartas do tarot (de Marsella…). O asombroso deste tarot non son tanto as súas imaxes, como o paradigma dende o que falan, as nocións que arrastran e conteñen. De feito, estas nocións están absolutamente contaminadas por arranxos populares e non tan populares, arranxos da mercadotecnia contemporánea e de certo ben-pensar da sociedade e do consumo que fan dixeríbel o indixeríbel; unha sociedade que quere “acceder ao oculto” sen verdadeiramente pasar por elo, sen in-comodarse… Por iso o primeiro paso é separar do tarot, neste caso, aqueles elementos que nos aportan unha visión nómada e desterritorializada do inconsciente e da súa productividade. Empregando e detectando onde se atopan conceptos esquizoanalíticos nas súas propostas; en vez de, claro está, facer unha representación teatral das súas imaxes (menos un tarot-filosófico que unha filosofía-tarot en tal caso…).

Isto foi que se intentou comezar xa nos dous post sobre o TAROT: o imaxinario e a sacerdotisa. Agora cómpre seguir esa análise e mellor ainda, ver como se integra en todo un espazo e un traballo de MEDIA LAB ESCENOGRÁFICO por desenvolver. Conceptos como os de CORPO SEN ÓRGANOS, IMAXE-TEMPO, ALTA DEFINICIÓN… daranse e estudiaranse neste LAB extraidos da lóxica esotérica da maxia e a alquimia. Mais non se estudiaran como conceptos a aprender-memorizar-reproducir; senón como conceptos-afectos, integrados no corpo sen órganos; comandos que nos permiten habitar un espacio, sentir ao noso arredor, estar atentos, encher o silencio; mirar e ser mirados, así como accionar e discursivizar tamén. Pois non se trata tampouco de elimina-la palabra ou o discurso; senón de inclui-lo TEXTO en resonancia coa imaxe, como dúas capas dun dobre tentáculo, que se carga recursivamente en circuito e no que a análise apóiase tanto na imaxe como a imaxe na análise; e non prima un dos aspectos sobre o outro. De feito, o que se libera neste circuito, ou o que iace e vive no seu interior, é a transmutación mesma, a alquimia, que transforma a enerxía: o pensamento en corpo, e o corpo en pensamento. Os dous atributos cognoscíbeis segundo Spinoza da substancia infinita; de que modo se relacionan? Se coñecer cada un por separado nos achega ao punto de vista absoluto; non nos achega tamén o coñecer a súa relación=transmutación? Creo que isto está máis preto do esquizoanálise e a filosofía-teatro que propón Deleuze-Guattari que calquera (ou moitas) críticas posíbeis ao mesmo. É tamén o paso da crítica á clínica como paso do paradigma do saber e reproducir ao aprender e producir.

Unha das claves do Laboratorio será a retransmisión streaming do mesmo, así como a versatilidade do programa de software libre DELVJ para mistura imaxe en directo así como para engadir texto á imaxe. Esta incorporación do texto é crucial tamén e clave para desenvolver o DOBRE TENTÁCULO (carta número 5) entre BIOPODER & ESPECTÁCULO. Pero é que a mera retransmisión en directo danos outra clave do LAB: o par virtual/real, que nos abre un novo xogo da asimilación da investigación como resultado e abre ao mesmo tempo a cuestión sobre a tecnoloxía. Retransmisión en tempo real dun pequeno espazo de paredes brancas con cámaras e non sabemos ainda que tecnoloxía (de audio, arduinos…) podería implementarse. En todo caso, cámara branca de revelados, en vez da cámara negra da fotografía, ou a caixa negra do teatro, un espacio de visibilización, de proxección e super/inter posición da imaxe. Unha serie de persoas estudando isto mesmo: o espectáculo, a súa impronta, e estudando por iso, o seus corpos, os seus afe3ctos, as súas imaxes: cómo se xeran e como se coordinan na matriz das cartas do tarot. Mais non nas súas escenas representadas, senón a través das forzas que as poboan e as atravesan.

O Laboratorio Esquizoanalítco é ao mesmo tempo: unha MÁQUINA DE PRODUCIÓN (NÓMADE) IMAXINARIA, un espazo de FILOSOFÍA-TEATRO, unha CLÍNICA DA RAZÓN, unha PROGRAMÁTICA DESEXANTE….

Advertisements

5 Respostas to "ESQUIZOANÁLISE LAB"

Estou traballando dende aquí a ligazón entre alg-a e esquizaonálise, ademais da proposta que estou elaborando para facer no alg-a lab que podedes consultar na ligazón que aparece a súa vez nesta outra:

http://proxectoderriba.org/wikim/index.php?title=ESQUIZOANÁLISE

saúdannos dende Brasil e nos deixan esta ligazón:

http://filosonia.tumblr.com/

very interesting! picoulles a mosca do squizolab. Seica un novo punto, nodo; ben profundo. Saúdos e parabens.

Breviário de pornografia esquizotrans:

http://www.estudiolivre.org/el-gallery_view.php?arquivoId=8190

en ESTUDIO LIVRE: “Estudio Libre es un ambiente de colaboración para la producción y difusión de contenidos digitales hechos con software libre y de manera independiente…”

[http://www.estudiolivre.org/tiki-index.php].

“Estudio Libre es un concepto de entorno colaborativo en constante
desarrollo que tiene por objetivo la formación de espacios físicos y
virtuales que estimulen y permitan la producción, la distribución y el
desarrollo de herramientas multimedia libres.

HERRAMIENTAS
Todas las herramientas de este entorno están basadas en conceptos de software libre, conocimiento libre y apropiación tecnológica. Los
estímulos a la interacción en estos espacios se articulan a través de
[http://lists.riseup.net/www/info/estudiolivre|listas de discusión], talleres y eventos presenciales, grupos de investigación, sitio colaborativo, blogs personales, distribución de medias, manuales para los usuarias/os, forums etc.

ACCIÓNES
Entendemos de este modo que el trabajo en grupo es solamente posible si hubiera acciones individuales para que se produzca la transferencia de conocimientos. Sin esto, el sentimiento de “grupo” y “colaboración” deja de existir y el trabajo pasa a no tener autor”.

Boas,

pois xa está arrancado o ESQUIZOANÁLISE TAROT grazas a colaboración de Baleiro, canle de produción, os artistas sonoros de Alg-a e a colaboración da USC (aula de danza). Estos son os primeiros vídeos que conseguimos subir, tedes un exemplo aquí da décima carta: imaxe-cristal [vídeo], na que se profundiza na noción de imaxe-tempo, o intersticio que abre pasado-futuro, a brecha intermedia da que emerxen os infinitos reflexos. Iranse subindo os vídeos ao canle ESQUIZOANÁLISE TAROT. Laboratorio Hermético de Performance.

Esta xente piscianalítica bucea nun medio de progresión caótica da loita entre a orde e a insurreción, onde a crise dos individuos sen consciencia colectiva nin distinción de identidade por dereito sufre a fraxilidade que os leva á búsqueda desesperada daquela consciencia propia do colectivo ancestral protector para dar solución a unha igualdade usurpadora que o exclue. Jung, maldito esquizo traidor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: