Laboratorio Invisibel

I Feira Imaxinaria Contemporánea

Posted on: Xaneiro 28, 2010

A continuación o texto que estamos empregando de base para coordinar a Feira Imaxinaria que como sabedes estamos a co-organizar, co-ordinar con alg-a. O texto está xa subido a un tiddly-wiki aquí, que pretende funcionar como espacio para debater e pór sobre a mesa as propostas e enfoques. Do mesmo modo, este blogue, o propio Laboratorio Invisíbel está en íntima relación co que se desenvolverá na Feira (presumiblemente…). As cuestións teoría – espectáculo, o tránsito dela a través da biopolítica, a mediación da imaxe e da tecnoloxía, quizais como elemento clave da reterritorialización… Deixo o texto:

Feira Imaxinaria Contemporánea plantéxase principalmente coma un espazo temporal de convivencia entre participantes, público e habitantes da zona, onde artistas e actores da cultura co-xestionan coa organización e @s visitantes a súa participación no evento.

Xorde da necesidade de profundizar entre outros aspectos os relacionados coa autoxestión e a súa repercusión na formación de institucións soberanas: emancipadas e democráticas que dean cabida a outras realidades sociais as veces ignoradas por institucións ou xestores non implicados no(s) proceso(s) creativo(s).

Paralelamente á Feira e dun modo máis sostíbel no tempo, editarase semestralmente unha revista colectiva de pensamento, coa vocación de observatorio-soporte teórico sobre os temas a tratar na convivencia e no foro de autoxestión, e que tamén poida funcionar coma fonte ou xerme de inspiración para futuras feiras, accións ou eventos relacionados, colaborando á sinerxia d@s usuari@s e creador@s culturais.

A Feira pretende atravesar a fisura que separa a Teoría do Espectáculo e así ofrecer un marco no que ambas dimensións se atopen e se involucren mutuamente. Quizais o máis interesante é cómo a partir de aí, o tema da autoxestión xorde case por si só, espontaneamente, ao pór a teoría ao mesmo nivel que o espectáculo: o espectador vese na obriga de ser activo, ao tempo que o artista expositivo, implicativo, solidario e responsábel de crear artefactos abertos, sobre os que se poida pensar, facer, interactuar, posicionarse…

Que quere dicir autoxestión? Pois precisamente é algo que queremos debater, que pensamos non está claro, e por iso falamos dun foro ao respecto. Pero máis que falar dunha xestión independente ou ao marxe doutras institucións (públicas ou privadas) falamos do modo no que @s usuari@s da cultura deciden o impacto desta, facendo así do seu imaginário e da cultura un espacio máis participativo e democrático.

Por Alg-a e Universidade Invisíbel.

Advertisements

7 Respostas to "I Feira Imaxinaria Contemporánea"

A Feira contén implicitamente unha sorte de traballo de campo antropolóxico do que poderiamos chamar unha antropoloxía imaginária. Esta consistiría na contrastación e posta en común dos imaginários tradicional e contemporáneo. Até que punto as imaxes e sons que os creadores convocados elaboremos na Feira poden ter algún tipo de relación co imaxinario tradicional? Até que punto imaxes e sons, visións e audicións alí xeradas se comunican, entran en resonancia, coas formas e arquetipos tradicionais da sociedade galega? Sabemos que a sociedade galega tradicional é basica ou fundamentalmente rural e cristiá; mais de que modo o é? Até que punto non pode haber elementos de contacto coa natureza, relacionados sobre todo con costumes máis paganas na Galicia, non entran en resonancia con formas de produción cultural contemporánea? E á inversa; até que punto a produción contemporánea non precisa reformular dalgún modo o tradicional de onde vén?

A idea me parece boa, pero se de verdade queremos facer antropoloxía dos imaxinarios haberá que preguntarse polas distintas tradicións imaxinadas. É ben certo que a GZ tradicional é algo máis que Igrexa e campo. Tamén estaba alí a vila dos señoritos, os cristianismos contrastastados, coas meigas morando nos lindeiros da comunidade, etc. Pero non hai razón para localizar exclusivamente a tradición dos galegos nin nesa época histórica nin tampouco no espazo xeográfico galego. Como comprender o imaxinario qque o nacionalismo recreu sen contar as experiencias dos galegos na Arxentina ou Suiza? Como comprender o imaxinario na e da GZ sen atender ao imaxinario de todos aqueles que viven aqui pero chegaron hai pouco de China, África, ou América? Por non mencionar os galegos coma min, para os cais o tradicional nada ten que ver xa cun mundo rural que non din a coñecer -moito menos a viver. Para min o tradicional pode ter máis que ver coas fotografías, xa medio gastadas e de tonos amarelos e azuis, onde ves a túa familia enteira pasando o verán na finca ou en Benidorm, con bañadores e cortes de pelo típicos dos anos 70 e 80. Entón haberá que pensar, cales son as liñas coas que imaxina a súa tradición a Xeración X? A tradición non rematou coa chegada da Revolución Industrial. Gústenos ou non, Inditex é un fenómeno tan galego como os curas de aldea, os caciques ou os patrucios de outrora. Polo tanto, se a pregunta é “até que punto a produción contemporánea non precisa reformular dalgún modo o tradicional de onde vén?”, penso que hai que darlle un par de voltas ao problema da “tradición da que ven” a produción contemporánea.

Entendo o que dis, e che respondo ao vo; precisamente como iso é certo, como se esgota a memoria do tradicional, cabe marcar a diferencia. O tradicional xa non está nas fotos; a iso lle chamo marcar a diferencia; sen embargo, en GZ aínda está aí. Onde? non se sabe moi ben. Case a un nivel molecular, invisíbel; e polo tanto nós, os contemporaneos soamente podemos movernos con respecto a el, investigalo, a un nivel resoante, non directo, tratar de repetir a súa insalvábel diferencia………………….

Enhoraboa! Xa contarás como foi. As fotos ten unha pinta estupenda 🙂

algo máis de crónica sobre Feira Imax polas generatech olholivreras:

http://olholivre.net/

vémonos o xoves.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: